Friday 26 de April de 2024

San Sadurniño tamén mira de fronte á violencia machista


O 25 de novembro é a data sinalada no calendario para reivindicar a eliminación de todo tipo de violencias contra da muller. Un día no que se multiplican xestos lanzando unha mensaxe que debería terse presente en todo momento, coa finalidade de que a sociedade adquira conciencia sobre un dos seus grandes problemas e poña os medios de todo tipo -educativos, económicos, de apoio,etc.- para remedialo. No último boletín estatístico anual publicado polo Goberno do Estado, o de 2018, indícase que 50 mulleres morreron asasinadas polos seus compañeiros ou excompañeiros. Máis da metade das vítimas tiñan entre 30 e 50 anos e só 14 delas chegaran a denunciar a súa situación nalgún momento. Cifras frías e duras ás que hai que engadirlle outra realidade: nese ano o teléfono 016 recibiu 73.434 chamadas -3.000 en Galicia- e constatáronse máis de 9.000 casos contra a liberdade e a indemnidade sexual. E sumémoslle agora que vítimas tamén son moitas veces as e os menores. E agora tentemos facer un exercicio mental imposible para tentar calcular cantas situacións de violencia se viven en moitos domicilios e que non se denuncian. O problema está aí e é serio, moi serio. Os enfoques para acabar con el mudaron nos últimos anos, apostando por tecer redes de apoio ás vítimas, polo traballo educativo e pola visibilización dunha lacra que a propia sociedade contribuíu a manter oculta durante anos. Á violencia machista hai que mirala de fronte desde o ámbito insititucional e persoal. Ese é precisamente o lema dunha campaña xa en marcha da Deputación da Coruña á que San Sadurniño tamén se sumou, como parte das accións de concienciación que se veñen desenvolvendo desde hai máis dunha década no noso municipio.

DE FRONTE á violencia de xénero é unha campaña e máis un programa de actividades que apelan directamente á implicación dos municipios da provincia, estendendo a chamada á acción a calquera outra entidade e a persoas que queiran participar na difusión da mensaxe.

Esta campaña procura promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Por outro lado, a iniciativa pon a disposición da veciñanza da provincia unha serie de actividades coas que seguir levando aos nosos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e a violencia de xénero, consecuencia directa daquela.

Entre as actividades encontramos o Desafío poético, concurso que se desenvolverá até o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia.

Por outra banda, desde hai uns días tamén se están ofrecendo conferencias en liña que abordan a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada; das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández; e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

Entre o 9 e o 15 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais.

Para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

Estas actividades atópanse na web específica da campaña, defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes propostas en liña. Por último, a campaña reforzarase con oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.

San Sadurniño uniuse a esta campaña como parte da actividade concienciadora que desenvolve ao longo de todo o ano e que, neste 2020, se viu trastocada por causa da pandemia. De feito, o Concello tiña previsto para o 25 de novembro un ciclo de conferencias que seguramente pase para máis adiante, cando a situación sanitaria permita organizar o evento con seguridade.